Santiago de Compostela, 7 de maio de 2026.-Dende a Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural sumámonos ao comunicado da Mesa Sectorial da Arte Contemporánea e ás reivindicacións formuladas por institucións académicas e entidades representativas do sector en relación co procedemento de renovación da dirección do CGAC.

Neste sentido, cómpre subliñar que o consenso profesional e académico arredor desta cuestión é amplo e sostido: a declaración do Departamento de Historia da Arte da USC —que tamén asinamos— supera xa as 130 adhesións, e nas últimas semanas foron posicionándose publicamente diversas asociacións sectoriais, a Facultade de Belas Artes e numerosas profesionais a título individual.

Consideramos fundamental que a dirección dunha institución destas características se resolva mediante procesos abertos, públicos e baseados na valoración da traxectoria profesional e dos proxectos presentados, en liña cos estándares de boas prácticas do sector.

Galicia conta cun tecido sólido de profesionais da xestión cultural, con experiencia acreditada na dirección, coordinación e desenvolvemento de proxectos artísticos e institucionais. Falamos de decenas de perfís que reúnen capacidade, coñecemento e criterio para asumir responsabilidades deste nivel. Porén, o modelo de provisión formulado limita de facto a súa participación, ao establecer requisitos que non responden á natureza específica do posto.

Non é razoable que un proceso destinado a escoller a mellor dirección posible para unha institución como o CGAC deixe fóra, de partida, a unha parte significativa do tecido profesional que conta coa experiencia e a capacidade necesarias. Unha formulación deste tipo non só limita o acceso, senón que desvirtúa o sentido da función directiva e proxecta unha imaxe restritiva que prexudica a reputación e o posicionamento da propia institución. Lonxe de reforzar o sistema cultural, condicióao e empobrece o seu desenvolvemento futuro.

Cómpre sinalar, ademais, a incoherencia de que o acceso a este tipo de postos se restrinxa a un corpo funcionarial específico que leva anos sen unha renovación significativa, con convocatorias escasas e moi limitadas no tempo. Na práctica, o propio sistema non está a alimentar ese corpo ao que logo se lle reserva en exclusiva a posibilidade de acceder a funcións directivas, o que dificulta a incorporación de novos perfís e reduce a dispoñibilidade de profesionais con experiencia específica no ámbito museístico e da arte contemporánea.

Esta situación non responde unicamente a unha convocatoria concreta, senón a unha evolución normativa que foi consolidando un modelo de dirección restrinxido ao ámbito funcionarial da propia administración autonómica, tal e como foi analizado pola avogada Ania González, especialista en Dereito da Cultura. A recente configuración legal e orgánica do CGAC limita de facto o acceso de profesionais externos especializados en dirección e xestión cultural, reducindo a pluralidade de perfís e afastando a institución dos modelos de gobernanza cultural abertos e independentes que operan noutros contextos. Cómpre lembrar, ademais, que mesmo dentro dese marco legal existen marxes para optar por procedementos máis abertos e transparentes —incluíndo procesos de concorrencia competitiva ou a participación de especialistas independentes na avaliación das candidaturas—, opcións que neste caso non foron desenvolvidas.

As decisións sobre o modelo de dirección dun centro como o CGAC teñen tamén unha repercusión directa na cidadanía: inflúen na programación, no acceso á cultura e na capacidade da institución para dialogar co seu contexto social e artístico.

Como asociación que agrupa a profesionais do sector, falamos dun contexto que coñecemos e no que traballamos a diario, e consideramos necesario revisar os criterios establecidos, co fin de garantir un proceso acorde coa natureza da función e cos estándares que rexen o ámbito cultural.

Á vista da gravidade da situación e da preocupación latente no sector, solicitamos á Consellería de Cultura a apertura dun espazo de diálogo directo coas entidades profesionais, co obxectivo de escoitar as demandas formuladas e explorar posibles solucións que atendan ás propostas xa trasladadas polas distintas organizacións e colectivos.

É momento de activar unha resposta conxunta. A responsabilidade é tamén individual: participar, posicionarse e formar parte dun marco colectivo que defina como queremos que funcionen as nosas institucións culturais.

Contidos relacionados
Por algún motivo no se a completado la carga del carrusel, pincha el botón recargar para intentarlo de nuevo.

Recargar